creadas polo alumnado de TIC II de 2º de Bacharelato
Xa están aquí as novas páxinas web creadas polo alumnado de TIC II do curso 23-24
Podedes consultala premendo en:
A revista dixital do IES do Castro de Vigo
creadas polo alumnado de TIC II de 2º de Bacharelato
Xa están aquí as novas páxinas web creadas polo alumnado de TIC II do curso 23-24
Podedes consultala premendo en:
Visita á escola de Enxeñería Industrial
Francisco Fernández del Riego
Celebramos o día das Letras Galegas 2023 cunha actividade de procura de información acerca da súa persoa.
Durante este curso o alumando de TIC II realizou dous traballos moi interesantes que compartimos con vos.
O primeiro e a realización dun xogo en Python. Máis de 4000 liñas de código amosan un gran traballo por parte de todo o grupo.
O segundo traballo foi a realización dunha pequena páxina web, lembrando a nosa estancia en Munich. Co final de curso tiveron moi pouco tempo, pero unhas cantas horas extras deixaron estes traballos tan interesantes.
O alumnado da materia de TISG (tecnoloxía da información nunha sociedade global) do Bacharelato Internacional debe realizar unha páxina web a demanda dun cliente determinado.
De momento, están en construción, pero podes empezar a ver o seu traballo se premes no botón correspondente:
Velaquí as páxinas web de cada unha das alumnas :
O xoves 12 de maio o alumnado de 3o da ESO realizou unha excursión a Celanova (Ourense), organizada polos Departamentos de Música e Lingua Galega e Literatura.
Pola mañá, ao chegarmos á vila, fixemos unha visita guiada polo mosteiro. Logo desta e dun breve descanso, asistimos a un excepcional concerto didáctico de órgano. A actividade realízase no coro alto da igrexa de San Salvador de Celanova, onde se sitúa o instrumento. Da man de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o alumnado puido coñecer todos os segredos do impoñente órgano que alí se conserva, a súa sonoridade, o seu mecanismo e a súa execución.
Para finalizar a mañá visitamos a “Casa dos Poetas”, vivenda familiar do escritor Manuel Curros Enríquez, hogano rehabilitada e convertida en espazo museístico dedicado á vida e obra deste autor. Alí o alumnado puido coñecer moitos aspectos da biografía de Curros Enríquez, así como a importancia que a súa personalidade e obra tiveron na historia de Galicia e no desenvolvemento e rexurdir da literatura galega no século XIX.
Tras o xantar, visitamos a parroquia de Vilanova dos Infantes, intimamente ligada á biografía persoal de Manuel Curros Enríquez, ademais de ser o berce natal doutro importantísimo escritor galego, Xosé Luís Méndez Ferrín. No percorrido por Vilanova, a guía mostrounos a enigmática cova de San Vivián e os restos da muralla que posuía a vila no pasado. Despois accedemos á torre de homenaxe, único vestixio do antigo castelo medieval, hoxe inexistente. Na actualidade a torre alberga fondos relacionados coa historia do lugar e custodia unha réplica da “Virxe do Cristal”, misteriosa figuriña envolta na néboa da literatura popular. A lenda que explica a aparición desta peza relixiosa era coñecida por Curros Enríquez e ben a soubo aproveitar este literariamente para compor o seu poema “A lenda da Virxe do Cristal”.
Rematamos a nosa excursión no castro de Castromao, un poboado fortificado habitado desde a Idade de Ferro ata o século III d.C. As explicacións da guía permitíronnos coñecer algo máis sobre o modo de vida castrexo e a relación que mantiñan os seus moradores co medio. O castro, situado a máis de 700 metros de altura, ofreceunos a mellor despedida: gozar dunha impresionante visión panorámica da contorna e da fermosa paisaxe das terras de Celanova.
Aínda que este final de curso se acelerou un pouco cos cambios introducidos pola nova lei, fixemos un esforzo para celebrar a Florencio como se merecía e desenvolvemos unha serie de actividades en cada nivel da ESO e mais de bacharelato. Tamén realizamos unha montaxe na entrada do instituto para dar visibilidade no centro á celebración do 17 de maio e dous concursos en colaboración coa Biblioteca e o Departamento de Educación Plástica: o primeiro de creación artística e o segundo para o deseño do logotipo do EDLG.
A montaxe dedicada a Florencio Delgado Gurriarán artellouse a partir de obxectos que fixesen referencia á súa traxectoria vital e á temática dos seus poemas: fotografías familiares e da contorna valdeorresa, o exilio en México, a vendima, obras de Castelao e Rosalía, aos que lle dedicou poemas…
Nestas fotografías podedes ver como nos quedou:
Tamén destacamos os gañadores dos concursos en dous paneis situados a ambos os lados da exposición:
E deixamos para o final os traballos en vídeo, que foron os seguintes:
Outras das actividades foron a elaboración de videopoemas sobre textos poéticos de Florencio e presentacións sobre a súa obra:
Os obradoiros de regueifas celebrados este curso no primeiro e segundo trimestres xa deron os seus froitos. O alumnado de 2º de ESO C participou no vídeo colectivo Regueifando! Correlingua 2022 cunhas coplas ben xeitosas que traballaron co seu profe Adrián. Os nosos parabéns! Veña, a que esperades para ver o ben que fixeron!
O 21 de marzo conmemórase anualmente o Día Mundial da Poesía. Este ano o grupo de 3º ESO B foi convidado a participar nun acto de celebración no Carballiño (Ourense), coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas xunto con outras institucións e organizacións, como o Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello do Carballiño.
A Insua dos Poetas é un fermoso espazo situado na parroquia carballinesa de Madarmás. Nel mestúranse de maneira harmoniosa paisaxe, arte e poesía, nunha contorna natural á beira do río Pedriña.
Pasadas as dez da mañá, deu comezo a celebración. A apertura correu a cargo de Luís González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas e escritor galego-arxentino, coñecedor excepcional do estreito vínculo histórico que Galicia mantivo con América a través da emigración e o exilio.
Ao seu discurso seguíronlle as intervencións dos representantes das demais institucións convocadoras; todas elas inzadas de referencias á nosa lingua, á cultura galega, mais principalmente a Galicia, terra de poetas e dunha excepcional e vizosa creación lírica.
Logo da apertura, foi o alumnado dos diversos centros educativos convidados quen tomou o escenario e a palabra. Os rapaces e rapazas recitaron diferentes poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. Do IES do Castro interviñeron dous estudantes: Luis Manuel García Presas, co poema “O souto morto”, e María González Méndez, coa composición “Louvanza aos nomes enxebres”.
Tras o recital, asistimos á actuación “Cantares Transhumantes”, espectáculo de poesía, música e danza a cargo da cantante e música Miriam Sandoval. Un fermoso percorrido poético-musical pola xeografía americana. Poesía galega de autores senlleiros e excepcionais, como Luís Seoane, Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Lorenzo Varela e moitos máis. Todos eles vinculados a diferentes países americanos por mor da emigración ou o exilio. A súa poesía ao son dos diversos ritmos e danzas americanas.
Ao remate do espectáculo realizouse unha homenaxe ás Letras Arxentinas. Novamente tomaron a palabra os voceiros das institucións convocadoras, entre eles, o representante do Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo con referencias ao vínculo entre Arxentina e Galicia e mais ao ombú, árbore simbólica da Pampa, pois o acto pechaba coa plantación dun ombú na Insua dos Poetas.
Nestas intervencións destacaron as palabras de Xulio Dobarro Ferradás, exprofesor do IES do Castro a quen tanto se lle debe a presenza e permanencia do ombú que hoxe en día segue no noso centro.
No acto de plantación participou todo o grupo de 3º da ESO. A presenza do ombú en Galicia é reducida. Un exemplar témolo moi preto, outro ben famoso é o que se localiza na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón. Mais este do Carballiño é o primeiro ombú da provincia de Ourense e aí crecerá grazas aos rapaces e rapazas de 3º ESO B, que contribuíron a plantalo. Oxalá dure mil primaveras, como a poesía, como a nosa lingua.