Normalización lingüística 21-22

  • Día das letras galegas 2023

    Francisco Fernández del Riego

    Celebramos o día das Letras Galegas 2023 cunha actividade de procura de información acerca da súa persoa.

  • Excursión a Celanova

    O xoves 12 de maio o alumnado de 3o da ESO realizou unha excursión a Celanova (Ourense), organizada polos Departamentos de Música e Lingua Galega e Literatura.
    Pola mañá, ao chegarmos á vila, fixemos unha visita guiada polo mosteiro. Logo desta e dun breve descanso, asistimos a un excepcional concerto didáctico de órgano. A actividade realízase no coro alto da igrexa de San Salvador de Celanova, onde se sitúa o instrumento. Da man de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o alumnado puido coñecer todos os segredos do impoñente órgano que alí se conserva, a súa sonoridade, o seu mecanismo e a súa execución.
    Para finalizar a mañá visitamos a “Casa dos Poetas”, vivenda familiar do escritor Manuel Curros Enríquez, hogano rehabilitada e convertida en espazo museístico dedicado á vida e obra deste autor. Alí o alumnado puido coñecer moitos aspectos da biografía de Curros Enríquez, así como a importancia que a súa personalidade e obra tiveron na historia de Galicia e no desenvolvemento e rexurdir da literatura galega no século XIX.
    Tras o xantar, visitamos a parroquia de Vilanova dos Infantes, intimamente ligada á biografía persoal de Manuel Curros Enríquez, ademais de ser o berce natal doutro importantísimo escritor galego, Xosé Luís Méndez Ferrín. No percorrido por Vilanova, a guía mostrounos a enigmática cova de San Vivián e os restos da muralla que posuía a vila no pasado. Despois accedemos á torre de homenaxe, único vestixio do antigo castelo medieval, hoxe inexistente. Na actualidade a torre alberga fondos relacionados coa historia do lugar e custodia unha réplica da “Virxe do Cristal”, misteriosa figuriña envolta na néboa da literatura popular. A lenda que explica a aparición desta peza relixiosa era coñecida por Curros Enríquez e ben a soubo aproveitar este literariamente para compor o seu poema “A lenda da Virxe do Cristal”.
    Rematamos a nosa excursión no castro de Castromao, un poboado fortificado habitado desde a Idade de Ferro ata o século III d.C. As explicacións da guía permitíronnos coñecer algo máis sobre o modo de vida castrexo e a relación que mantiñan os seus moradores co medio. O castro, situado a máis de 700 metros de altura, ofreceunos a mellor despedida: gozar dunha impresionante visión panorámica da contorna e da fermosa paisaxe das terras de Celanova.

  • Día das letras galegas

    Florencio Delgado Gurriarán

    Aínda que este final de curso se acelerou un pouco cos cambios introducidos pola nova lei, fixemos un esforzo para celebrar a Florencio como se merecía e desenvolvemos unha serie de actividades en cada nivel da ESO e mais de bacharelato. Tamén realizamos unha montaxe na entrada do instituto para dar visibilidade no centro á celebración do 17 de maio e dous concursos en colaboración coa Biblioteca e o Departamento de Educación Plástica: o primeiro de creación artística e o segundo para o deseño do logotipo do EDLG.
    A montaxe dedicada a Florencio Delgado Gurriarán artellouse a partir de obxectos que fixesen referencia á súa traxectoria vital e á temática dos seus poemas: fotografías familiares e da contorna valdeorresa, o exilio en México, a vendima, obras de Castelao e Rosalía, aos que lle dedicou poemas…
    Nestas fotografías podedes ver como nos quedou:

    Tamén destacamos os gañadores dos concursos en dous paneis situados a ambos os lados da exposición:

    E deixamos para o final os traballos en vídeo, que foron os seguintes:

    https://vimeo.com/719514082
    O alumnado de 1º ESO B, recitou o poema ‘Aí vén maio’ diante do maio que construímos no centro, coa axuda do seu titor Adrián Vázquez.
    https://vimeo.com/719517551
    O alumnado de 2º de ESO C, que domina como ninguén a arte de regueifar, preparou algunhas coplas sobre Florencio Delgado.
    https://vimeo.com/719513924
    O Alumnado de 3º de ESO atreveuse a rapear o poema ‘Falan castelán’ dirixidos por Adrián Vázquez.

    Outras das actividades foron a elaboración de videopoemas sobre textos poéticos de Florencio e presentacións sobre a súa obra:

    https://vimeo.com/719514675
    https://vimeo.com/719514151
    https://vimeo.com/719514135
    https://vimeo.com/719514116
    https://vimeo.com/719513865
  • Regueifando! Correlingua 2022

    Os obradoiros de regueifas celebrados este curso no primeiro e segundo trimestres xa deron os seus froitos. O alumnado de 2º de ESO C participou no vídeo colectivo Regueifando! Correlingua 2022 cunhas coplas ben xeitosas que traballaron co seu profe Adrián. Os nosos parabéns! Veña, a que esperades para ver o ben que fixeron!

    https://www.youtube.com/watch?v=ad1ONX7xY5E
  • Día Mundial da Poesía.

    Acto celebrado na Insua dos Poetas (O Carballiño, Ourense)

    O 21 de marzo conmemórase anualmente o Día Mundial da Poesía. Este ano o grupo de 3º ESO B foi convidado a participar nun acto de celebración no Carballiño (Ourense), coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas xunto con outras institucións e organizacións, como o Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello do Carballiño.
    A Insua dos Poetas é un fermoso espazo situado na parroquia carballinesa de Madarmás. Nel mestúranse de maneira harmoniosa paisaxe, arte e poesía, nunha contorna natural á beira do río Pedriña.
    Pasadas as dez da mañá, deu comezo a celebración. A apertura correu a cargo de Luís González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas e escritor galego-arxentino, coñecedor excepcional do estreito vínculo histórico que Galicia mantivo con América a través da emigración e o exilio.

    Ao seu discurso seguíronlle as intervencións dos representantes das demais institucións convocadoras; todas elas inzadas de referencias á nosa lingua, á cultura galega, mais principalmente a Galicia, terra de poetas e dunha excepcional e vizosa creación lírica.
    Logo da apertura, foi o alumnado dos diversos centros educativos convidados quen tomou o escenario e a palabra. Os rapaces e rapazas recitaron diferentes poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. Do IES do Castro interviñeron dous estudantes: Luis Manuel García Presas, co poema “O souto morto”, e María González Méndez, coa composición “Louvanza aos nomes enxebres”.

    Tras o recital, asistimos á actuación “Cantares Transhumantes”, espectáculo de poesía, música e danza a cargo da cantante e música Miriam Sandoval. Un fermoso percorrido poético-musical pola xeografía americana. Poesía galega de autores senlleiros e excepcionais, como Luís Seoane, Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Lorenzo Varela e moitos máis. Todos eles vinculados a diferentes países americanos por mor da emigración ou o exilio. A súa poesía ao son dos diversos ritmos e danzas americanas.

    Ao remate do espectáculo realizouse unha homenaxe ás Letras Arxentinas. Novamente tomaron a palabra os voceiros das institucións convocadoras, entre eles, o representante do Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo con referencias ao vínculo entre Arxentina e Galicia e mais ao ombú, árbore simbólica da Pampa, pois o acto pechaba coa plantación dun ombú na Insua dos Poetas.

    Nestas intervencións destacaron as palabras de Xulio Dobarro Ferradás, exprofesor do IES do Castro a quen tanto se lle debe a presenza e permanencia do ombú que hoxe en día segue no noso centro.
    No acto de plantación participou todo o grupo de 3º da ESO. A presenza do ombú en Galicia é reducida. Un exemplar témolo moi preto, outro ben famoso é o que se localiza na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón. Mais este do Carballiño é o primeiro ombú da provincia de Ourense e aí crecerá grazas aos rapaces e rapazas de 3º ESO B, que contribuíron a plantalo. Oxalá dure mil primaveras, como a poesía, como a nosa lingua.