Excursión a Celanova

O xoves 12 de maio o alumnado de 3o da ESO realizou unha excursión a Celanova (Ourense), organizada polos Departamentos de Música e Lingua Galega e Literatura.
Pola mañá, ao chegarmos á vila, fixemos unha visita guiada polo mosteiro. Logo desta e dun breve descanso, asistimos a un excepcional concerto didáctico de órgano. A actividade realízase no coro alto da igrexa de San Salvador de Celanova, onde se sitúa o instrumento. Da man de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o alumnado puido coñecer todos os segredos do impoñente órgano que alí se conserva, a súa sonoridade, o seu mecanismo e a súa execución.
Para finalizar a mañá visitamos a “Casa dos Poetas”, vivenda familiar do escritor Manuel Curros Enríquez, hogano rehabilitada e convertida en espazo museístico dedicado á vida e obra deste autor. Alí o alumnado puido coñecer moitos aspectos da biografía de Curros Enríquez, así como a importancia que a súa personalidade e obra tiveron na historia de Galicia e no desenvolvemento e rexurdir da literatura galega no século XIX.
Tras o xantar, visitamos a parroquia de Vilanova dos Infantes, intimamente ligada á biografía persoal de Manuel Curros Enríquez, ademais de ser o berce natal doutro importantísimo escritor galego, Xosé Luís Méndez Ferrín. No percorrido por Vilanova, a guía mostrounos a enigmática cova de San Vivián e os restos da muralla que posuía a vila no pasado. Despois accedemos á torre de homenaxe, único vestixio do antigo castelo medieval, hoxe inexistente. Na actualidade a torre alberga fondos relacionados coa historia do lugar e custodia unha réplica da “Virxe do Cristal”, misteriosa figuriña envolta na néboa da literatura popular. A lenda que explica a aparición desta peza relixiosa era coñecida por Curros Enríquez e ben a soubo aproveitar este literariamente para compor o seu poema “A lenda da Virxe do Cristal”.
Rematamos a nosa excursión no castro de Castromao, un poboado fortificado habitado desde a Idade de Ferro ata o século III d.C. As explicacións da guía permitíronnos coñecer algo máis sobre o modo de vida castrexo e a relación que mantiñan os seus moradores co medio. O castro, situado a máis de 700 metros de altura, ofreceunos a mellor despedida: gozar dunha impresionante visión panorámica da contorna e da fermosa paisaxe das terras de Celanova.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *