No IES do Castro celebramos este ano o Día de Rosalía de Castro con varias actividades nas que se implicaron tanto o profesorado como o alumnado de varios cursos de ESO e BACHARELATO. O EDLG do centro adaptou as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a continuación expoñémosvos os resultados.
O alumnado de 1º e 2º de ESO foi o encargado de decorar o mural con pensamentos nos que escribiron versos de varios poemas da autora seleccionados polas profesoras e profesores de Lingua Galega. Todas e todos baixaron a pegar as flores arredor dun fermoso retrato de Rosalía obra das alumnas de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato guiadas pola profesora Elena Guerra. O deseño das letras foi do alumnado de 4º de ESO D.
O mural foise realizando desde o luns 21 ata o mércores 23, data en que se rematou. E este foi o resultado:
Outra das actividades que se desenvolveron foi en colaboración coa Biblioteca Xoán Xosé Sande do instituto. Consistiu no sorteo de obras literarias en galego que contiñan un marcapáxinas de papiroflexia ideado pola profesora de Matemáticas Sandra Camiña, toda unha experta na materia, en cuxa realización colaboraron os seus alumnos e alumnas de 3º de ESO. Neses marcapáxinas, como non podía ser doutro xeito, tamén se podían ler versos de Cantares gallegos e Follas novas, e todos eles contiñan o nome dalgunha planta ou flor, pois nos poemarios citados as referencias á natureza son numerosas e mostran unha especial conexión da autora co medio natural. Comprobade o ben que quedaron nestas imaxes:
As alumnas de 1º de Bacharelato Sonia Domínguez, Uxía Felpeto, Sara Gamote, Noa Pazos, Xarois Vilela e Sofía Zugazagoitia foron as encargadas de ir polas aulas presentando a actividade e explicando a importancia de Rosalía non só para a nosa literatura senón en moitos máis ámbitos; tamén sortearon as obras cos respectivos marcapáxinas, como se ve nestas fotografías:
Pero a colaboración da Biblioteca non quedou aí: seleccionou varios poemas de Rosalía que se propuxeron para a hora de lectura do martes 22 e mostrou a toda a comunidade educativa as obras de Rosalía que ten en préstamo nesta exposición situada na entrada do centro:
Por último, realizouse tamén unha plantación de pensamentos rodeando a árbore senlleira do xardín do IES do Castro: o ombú. Foi posible grazas á colaboración de Begoña Cortes, a vicedirectora, que se encargou de coordinar a actividade cos grupos que participan no contrato programa da Horta Escolar. Tendes imaxes do evento neste artigo do Ombú dixital: https://ombudixital.org/dia-de-rosalia-de-castro/ .
Desde o EDLG queremos agradecer especialmente á Biblioteca e ao profesorado a súa colaboración, sen a cal sería moi difícil levar a cabo ningunha das actividades. E, por suposto, felicitar ao alumnado polo súa implicación e o resultado do seu traballo.