A voltas co ombú do IES do Castro
O último número da revista Camelia, que edita a Sociedad Española de La Camelia en decembro de 2020, publica un artigo titulado “Los árboles, grandes testigos de nuestra historia. Origen del ombú del Castro, símbolo de hermanamiento entre Galicia y Argentina” do que son autoras Ángeles Barros, Pilar Vela e Carmen Salinero. Estación Fitopatolóxica Areeiro. Deputación de Pontevedra.
Teño coñecemento desta publicación por unha compañeira, Rosa Segura Iglesias, profesora tamén coma min xubilada, que compartimos Claustro neste centro desde a súa fundación no ano 1993 ata hai poucos anos. Ela, moi coñecedora de números e doutros moitos saberes, é a que me envía o artigo, sabendo que, eu en particular, e a comunidade educativa do Castro en xeral adicaramos algúns esforzos para poñermos o Ombú “no lugar que se merece” [Este foi o slógan da campaña que se iniciou no curso 2009-2010, con desenlace feliz no 2016]
«Á súa sombra, adolescentes e non tan adolescentes, xogaban, cantaban, recitaban, amábanse e despedíanse cada fin de curso…»
Puidera pensarse que tratándose dunha árbore non tiña por que ser obxecto de atención tan delongada. Pero non, ao contrario, porque o Ombú seguía vivo e respectado por todas as xeracións de estudantes que pasaran polo Centro, porque á súa sombra, adolescentes e non tan adolescentes, xogaban, cantaban, recitaban, amábanse e despedíanse cada fin de curso e cada promoción cunha reportaxe fotográfica ao seu carón con “pé de paquidermo” en palabras de M. Rivas. Non podemos esquecer aquí a impronta de Alberto Zato e Xavier Torrado que, co seu labor audiovisual, conseguiron inmortalizar cada clausura do curso escolar, xunto coa revista que se publica cada ano,que, como non podía ser menos, rende tributo á árbore co seu homónimo: OMBÚ.
Pois ben, despois de que a árbore teña acadado o recoñecemento por méritos propios de árbore senlleira, segundo os criterios esixidos pola Xunta para que fose incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e fose publicada a Resolución no DOG de 1 de xuño de 2017, para o que houbo que contar co apoio do Consulado de Arxentina en Vigo, do escritor M. Rivas ou Luís González Tosar, poeta nacido en Arxentina con recoñecemento da Academia de Letras dese país, parecía que xa todo estaba consumado, pero aínda faltaba algo. O que? Que as cualidades da árbore estaban á vista e foran suficientes para obter o recoñecemento, pero non había unha certeza absoluta -se é que na actualidade podemos tela- da súa antigüidade; así diciamos que se era centenaria, pero tampouco se podía concluír con absoluta certeza que o fora; se era alóctona de onde e quen a puidera traer, porque no Castro, nunha propiedade privada que pasou a pública para a construción do Instituto de Hispanidade nº 12, antes de ser IES DO Castro, e así varios interrogantes que quedaban no aire agardando a resolvelos.
Foi a partir da xubilación en 2016 cando puiden adicar algo máis de tempo á pescuda dalgunha outra pegada máis que nos permitira reafirmarnos na defensa da señardade do Ombú. Así é como nese mesmo ano, L. G. Tosar, moi vencellado ás comunidades galegas en Arxentina, me informa da existencia dunha obra de Alberto Vilanova Rodríguez (Ourense,1910-,1985): ”Los gallegos en Argentina” con prólogo de Claudio Sánchez-Albornoz Menduíña. A obra foi editada en 1966 polo Centro Gallego de Buenos Aires, e puiden consultala na Biblioteca Penzol de Vigo. É aquí onde atopo a primeira referencia documentada de que Martín Echegaray Olañeta (1866-1931) trae unha árbore como agasallo do Centro Gallego á cidade de Vigo, e en proba de gratitude devolven a través da Coral de Ruada a mensaxe de agradecemento do concello ao Centro Gallego, co compromiso de que vai ser plantada no monte do Castro. Literalmente di así:
“El Centro Gallego regaló al Ayuntamiento de Vigo un ombú, que desde hacía cinco años venía cultivando el jardinero municipalde Buenos Aires, el gallego Manuel Ocampo con ese objeto. Por designación del Centro fue el encargado de entregarlo al municipio vigués, ya que nadie mejor que él, don Martín Echegaray”
Teño coñecemento pola prensa da época, que se fai eco do irmanamento, coa xenerosa orientación de José Ramón Iglesias Veiga (falecido en novembro de 2020 e membro destacado do Instituto de Estudios Vigueses), historiador,profesor e profundo coñecedor da obra do arquitecto Palacios. A el corresponde o mérito de terme facilitado as referencias da prensa de “El Pueblo Gallego” (6 de marzo de 1931) : El Ombú argentino y el olivo vigués e “El Eco de Santiago de 5 de marzo de 1931):Tres simbólicos recuerdos para La Universidad Compostelana y para el pueblo de Vigo”,que, ademais, suxire a consulta de “o proxecto de reforma, interior, ensanche e extensión” do enxeñeiro Manuel Cominges do ano 1943 para continuar coa pescuda.
A consulta no Catastro sobre a parcela cuxos lindes constan como Vía Hispanidade ao sur, “fondo Camiño de Atalaia e dereita esquerda varias propiedades” na que logo se edificaría o Instituto e ocuparía a nova urbanización da contorna lévanos ao ano 1974 cunha referencia catastral 40-37- 037-01 a nome de G. HR R. V. domiciliada na rúa García Barbón, cuxos herdeiros serían os derradeiros propietarios denantes de pasar ao Concello para logo ser cedidos á Consellería de Educación.(A razón pola que puido ser plantado orixinalmente ou transplantado a esta propiedade e non na parte pública do Castro, descoñecémola,o que deixa certas dúbidas sobre o mesmo).
Con respecto á traxectoria do ilustre fillo predilecto da cidade só reproducirei unhas palabras de B. Bernárdez Romero: “Tratado de Viguismo”, 1932 :”El nombre de Echegaray ha dejado en la vida viguesa una estela de bondad, de energía, y de gratitud que el tiempo,en vez de borrar, habrá de grabar con los honores de imperecedro recuerdo”.
Queda dito abondo! Ou non,porque aínda moi recentemente o xornal Faro de Vigo (31 de outubro de 2019) facíase eco en titulares do seguinte: “Los orígenes “albicelestes” de Toralla. La nieta del antiguo propietario de la isla, Martín Echegaray, emigrante en Argentina, dona al museo Quiñones una decena de piezas arqueológicas que recibió como herencia tras su muerte” (reprodúcense fotografías de fibelas, xarras, cerámica, contas, etc.de diferentes etapas histórica de antes e despois de Cristo).
Todo ten que ver, porque o sr. Echegaray, á parte de ser dono da illa de Toralla, levou a cabo alí escavacións arqueolóxicas dirixidas por docentes da Universidade de Santiago, á parte do seu labor social e, como emprendedor, por exemplo o inicio dos traballos do trazado dos tranvías da cidade. Con todos estes datos era ben previsible que no arquivo municipal deberían constar por escrito todos eses acordos, tanto do recoñecemento a M. Echegaray como fillo predilecto, como o intercambio de mensaxes de agradecemento entre o Concello e o Centro Gallego de Buenos Aires. Así é como “En el Salón de Sesiones de la casa Consistorial de la ciudad de Vigo, a las siete y media de la tarde del día nueve de marzo de mil novecientos treinta y uno, bajo la presidencia del Alcalde Don Manuel San Román de Cevallos [ ] Acto seguido se dio lectura a un mensaje del Centro Gallego de Buenos Aires, y del que fue portador Don Martín Echegaray, enviando un pequeño ombú para ser plantado en alguno de los paseos de esta ciudad y saludando a la Corporación en nombre de los 31.000 asociados con que cuenta aquella Institución. La Comisión Municipal Permanente, acordó hacer constar en acta la satisfacción que le produjo este obsequio del Centro Gallego de Buenos Aires, manifestando el Sr. Alcalde que por conducto de la Directiva del Coro de Ruada que mañana parte con rumbo a Buenos Aires, se acusara recibo del mensaje, y que el OMBÚ de referencia ha sido plantado en el Monte del Castro”.
«…que el OMBÚ de referencia ha sido plantado en el Monte del Castro”.
Despois de todo isto estamos en condicións de asegurar que o Ombú que sobrevive no xardín do Ies do Castro é o que no seu día trouxera M. Echegaray á cidade e que a corporación di ter plantado no monte do Castro? Pois, probablemente, aínda que, segue sobrevoando algunha dúbida ao respecto, porque sería máis previsible que se plantase nun espazo público do Castro, cando os terreos sobre os que se construiu o Instituto eran de propiedade privada. Con respecto á información dos propietarios obtida do Catastro e do proxecto construtivo do Instituto non se puido determinar con absoluta certeza que sexa así, pero, como sempre defendemos e as autoras do sobredito artigo na revista “Camelia” apuntan:
“Opinamos que el ombú del Castro es el ejemplar donado por los gallegos del Centro Gallego de Buenos Aires a los vigueses”
despois de anticiparnos que la “reforestación del monte O Castro comenzó en 1928, y que, por su embergadura y edad,se corresponde con el ejemplar que justo debió ser plantado poco después, en esa época”.
En calquera caso, o ombú continúa en pé, que siga por moitos anos para que, agora cunha contorna renovada e a pesar da ferida dun temporal no verán de 2019, resulte máis visible ca nunca,non só por si mesma ,senón tamén pola versión artística de Doa Ocampo co mural que vén de interpretar na fachada leste do Instituto dentro do proxecto municipal de Vigo cidade de cor.
Xulio Dobarro Ferradás
Profesor xubilado do IES do Castro
Vigo, xaneiro de 2021.