Día Mundial da Poesía.

Acto celebrado na Insua dos Poetas (O Carballiño, Ourense)

O 21 de marzo conmemórase anualmente o Día Mundial da Poesía. Este ano o grupo de 3º ESO B foi convidado a participar nun acto de celebración no Carballiño (Ourense), coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas xunto con outras institucións e organizacións, como o Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello do Carballiño.
A Insua dos Poetas é un fermoso espazo situado na parroquia carballinesa de Madarmás. Nel mestúranse de maneira harmoniosa paisaxe, arte e poesía, nunha contorna natural á beira do río Pedriña.
Pasadas as dez da mañá, deu comezo a celebración. A apertura correu a cargo de Luís González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas e escritor galego-arxentino, coñecedor excepcional do estreito vínculo histórico que Galicia mantivo con América a través da emigración e o exilio.

Ao seu discurso seguíronlle as intervencións dos representantes das demais institucións convocadoras; todas elas inzadas de referencias á nosa lingua, á cultura galega, mais principalmente a Galicia, terra de poetas e dunha excepcional e vizosa creación lírica.
Logo da apertura, foi o alumnado dos diversos centros educativos convidados quen tomou o escenario e a palabra. Os rapaces e rapazas recitaron diferentes poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. Do IES do Castro interviñeron dous estudantes: Luis Manuel García Presas, co poema “O souto morto”, e María González Méndez, coa composición “Louvanza aos nomes enxebres”.

Tras o recital, asistimos á actuación “Cantares Transhumantes”, espectáculo de poesía, música e danza a cargo da cantante e música Miriam Sandoval. Un fermoso percorrido poético-musical pola xeografía americana. Poesía galega de autores senlleiros e excepcionais, como Luís Seoane, Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Lorenzo Varela e moitos máis. Todos eles vinculados a diferentes países americanos por mor da emigración ou o exilio. A súa poesía ao son dos diversos ritmos e danzas americanas.

Ao remate do espectáculo realizouse unha homenaxe ás Letras Arxentinas. Novamente tomaron a palabra os voceiros das institucións convocadoras, entre eles, o representante do Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo con referencias ao vínculo entre Arxentina e Galicia e mais ao ombú, árbore simbólica da Pampa, pois o acto pechaba coa plantación dun ombú na Insua dos Poetas.

Nestas intervencións destacaron as palabras de Xulio Dobarro Ferradás, exprofesor do IES do Castro a quen tanto se lle debe a presenza e permanencia do ombú que hoxe en día segue no noso centro.
No acto de plantación participou todo o grupo de 3º da ESO. A presenza do ombú en Galicia é reducida. Un exemplar témolo moi preto, outro ben famoso é o que se localiza na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón. Mais este do Carballiño é o primeiro ombú da provincia de Ourense e aí crecerá grazas aos rapaces e rapazas de 3º ESO B, que contribuíron a plantalo. Oxalá dure mil primaveras, como a poesía, como a nosa lingua.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *