Francisco Fernández del Riego
Celebramos o día das Letras Galegas 2023 cunha actividade de procura de información acerca da súa persoa.
A revista dixital do IES do Castro de Vigo
Francisco Fernández del Riego
Celebramos o día das Letras Galegas 2023 cunha actividade de procura de información acerca da súa persoa.
O xoves 12 de maio o alumnado de 3o da ESO realizou unha excursión a Celanova (Ourense), organizada polos Departamentos de Música e Lingua Galega e Literatura.
Pola mañá, ao chegarmos á vila, fixemos unha visita guiada polo mosteiro. Logo desta e dun breve descanso, asistimos a un excepcional concerto didáctico de órgano. A actividade realízase no coro alto da igrexa de San Salvador de Celanova, onde se sitúa o instrumento. Da man de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, o alumnado puido coñecer todos os segredos do impoñente órgano que alí se conserva, a súa sonoridade, o seu mecanismo e a súa execución.
Para finalizar a mañá visitamos a “Casa dos Poetas”, vivenda familiar do escritor Manuel Curros Enríquez, hogano rehabilitada e convertida en espazo museístico dedicado á vida e obra deste autor. Alí o alumnado puido coñecer moitos aspectos da biografía de Curros Enríquez, así como a importancia que a súa personalidade e obra tiveron na historia de Galicia e no desenvolvemento e rexurdir da literatura galega no século XIX.
Tras o xantar, visitamos a parroquia de Vilanova dos Infantes, intimamente ligada á biografía persoal de Manuel Curros Enríquez, ademais de ser o berce natal doutro importantísimo escritor galego, Xosé Luís Méndez Ferrín. No percorrido por Vilanova, a guía mostrounos a enigmática cova de San Vivián e os restos da muralla que posuía a vila no pasado. Despois accedemos á torre de homenaxe, único vestixio do antigo castelo medieval, hoxe inexistente. Na actualidade a torre alberga fondos relacionados coa historia do lugar e custodia unha réplica da “Virxe do Cristal”, misteriosa figuriña envolta na néboa da literatura popular. A lenda que explica a aparición desta peza relixiosa era coñecida por Curros Enríquez e ben a soubo aproveitar este literariamente para compor o seu poema “A lenda da Virxe do Cristal”.
Rematamos a nosa excursión no castro de Castromao, un poboado fortificado habitado desde a Idade de Ferro ata o século III d.C. As explicacións da guía permitíronnos coñecer algo máis sobre o modo de vida castrexo e a relación que mantiñan os seus moradores co medio. O castro, situado a máis de 700 metros de altura, ofreceunos a mellor despedida: gozar dunha impresionante visión panorámica da contorna e da fermosa paisaxe das terras de Celanova.
Aínda que este final de curso se acelerou un pouco cos cambios introducidos pola nova lei, fixemos un esforzo para celebrar a Florencio como se merecía e desenvolvemos unha serie de actividades en cada nivel da ESO e mais de bacharelato. Tamén realizamos unha montaxe na entrada do instituto para dar visibilidade no centro á celebración do 17 de maio e dous concursos en colaboración coa Biblioteca e o Departamento de Educación Plástica: o primeiro de creación artística e o segundo para o deseño do logotipo do EDLG.
A montaxe dedicada a Florencio Delgado Gurriarán artellouse a partir de obxectos que fixesen referencia á súa traxectoria vital e á temática dos seus poemas: fotografías familiares e da contorna valdeorresa, o exilio en México, a vendima, obras de Castelao e Rosalía, aos que lle dedicou poemas…
Nestas fotografías podedes ver como nos quedou:
Tamén destacamos os gañadores dos concursos en dous paneis situados a ambos os lados da exposición:
E deixamos para o final os traballos en vídeo, que foron os seguintes:
Outras das actividades foron a elaboración de videopoemas sobre textos poéticos de Florencio e presentacións sobre a súa obra:
Os obradoiros de regueifas celebrados este curso no primeiro e segundo trimestres xa deron os seus froitos. O alumnado de 2º de ESO C participou no vídeo colectivo Regueifando! Correlingua 2022 cunhas coplas ben xeitosas que traballaron co seu profe Adrián. Os nosos parabéns! Veña, a que esperades para ver o ben que fixeron!
O 21 de marzo conmemórase anualmente o Día Mundial da Poesía. Este ano o grupo de 3º ESO B foi convidado a participar nun acto de celebración no Carballiño (Ourense), coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas xunto con outras institucións e organizacións, como o Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello do Carballiño.
A Insua dos Poetas é un fermoso espazo situado na parroquia carballinesa de Madarmás. Nel mestúranse de maneira harmoniosa paisaxe, arte e poesía, nunha contorna natural á beira do río Pedriña.
Pasadas as dez da mañá, deu comezo a celebración. A apertura correu a cargo de Luís González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas e escritor galego-arxentino, coñecedor excepcional do estreito vínculo histórico que Galicia mantivo con América a través da emigración e o exilio.
Ao seu discurso seguíronlle as intervencións dos representantes das demais institucións convocadoras; todas elas inzadas de referencias á nosa lingua, á cultura galega, mais principalmente a Galicia, terra de poetas e dunha excepcional e vizosa creación lírica.
Logo da apertura, foi o alumnado dos diversos centros educativos convidados quen tomou o escenario e a palabra. Os rapaces e rapazas recitaron diferentes poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. Do IES do Castro interviñeron dous estudantes: Luis Manuel García Presas, co poema “O souto morto”, e María González Méndez, coa composición “Louvanza aos nomes enxebres”.
Tras o recital, asistimos á actuación “Cantares Transhumantes”, espectáculo de poesía, música e danza a cargo da cantante e música Miriam Sandoval. Un fermoso percorrido poético-musical pola xeografía americana. Poesía galega de autores senlleiros e excepcionais, como Luís Seoane, Avilés de Taramancos, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Lorenzo Varela e moitos máis. Todos eles vinculados a diferentes países americanos por mor da emigración ou o exilio. A súa poesía ao son dos diversos ritmos e danzas americanas.
Ao remate do espectáculo realizouse unha homenaxe ás Letras Arxentinas. Novamente tomaron a palabra os voceiros das institucións convocadoras, entre eles, o representante do Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo con referencias ao vínculo entre Arxentina e Galicia e mais ao ombú, árbore simbólica da Pampa, pois o acto pechaba coa plantación dun ombú na Insua dos Poetas.
Nestas intervencións destacaron as palabras de Xulio Dobarro Ferradás, exprofesor do IES do Castro a quen tanto se lle debe a presenza e permanencia do ombú que hoxe en día segue no noso centro.
No acto de plantación participou todo o grupo de 3º da ESO. A presenza do ombú en Galicia é reducida. Un exemplar témolo moi preto, outro ben famoso é o que se localiza na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón. Mais este do Carballiño é o primeiro ombú da provincia de Ourense e aí crecerá grazas aos rapaces e rapazas de 3º ESO B, que contribuíron a plantalo. Oxalá dure mil primaveras, como a poesía, como a nosa lingua.
No IES do Castro celebramos este ano o Día de Rosalía de Castro con varias actividades nas que se implicaron tanto o profesorado como o alumnado de varios cursos de ESO e BACHARELATO. O EDLG do centro adaptou as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a continuación expoñémosvos os resultados.
O alumnado de 1º e 2º de ESO foi o encargado de decorar o mural con pensamentos nos que escribiron versos de varios poemas da autora seleccionados polas profesoras e profesores de Lingua Galega. Todas e todos baixaron a pegar as flores arredor dun fermoso retrato de Rosalía obra das alumnas de Debuxo Artístico de 1º de Bacharelato guiadas pola profesora Elena Guerra. O deseño das letras foi do alumnado de 4º de ESO D.
O mural foise realizando desde o luns 21 ata o mércores 23, data en que se rematou. E este foi o resultado:
Outra das actividades que se desenvolveron foi en colaboración coa Biblioteca Xoán Xosé Sande do instituto. Consistiu no sorteo de obras literarias en galego que contiñan un marcapáxinas de papiroflexia ideado pola profesora de Matemáticas Sandra Camiña, toda unha experta na materia, en cuxa realización colaboraron os seus alumnos e alumnas de 3º de ESO. Neses marcapáxinas, como non podía ser doutro xeito, tamén se podían ler versos de Cantares gallegos e Follas novas, e todos eles contiñan o nome dalgunha planta ou flor, pois nos poemarios citados as referencias á natureza son numerosas e mostran unha especial conexión da autora co medio natural. Comprobade o ben que quedaron nestas imaxes:
As alumnas de 1º de Bacharelato Sonia Domínguez, Uxía Felpeto, Sara Gamote, Noa Pazos, Xarois Vilela e Sofía Zugazagoitia foron as encargadas de ir polas aulas presentando a actividade e explicando a importancia de Rosalía non só para a nosa literatura senón en moitos máis ámbitos; tamén sortearon as obras cos respectivos marcapáxinas, como se ve nestas fotografías:
Pero a colaboración da Biblioteca non quedou aí: seleccionou varios poemas de Rosalía que se propuxeron para a hora de lectura do martes 22 e mostrou a toda a comunidade educativa as obras de Rosalía que ten en préstamo nesta exposición situada na entrada do centro:
Por último, realizouse tamén unha plantación de pensamentos rodeando a árbore senlleira do xardín do IES do Castro: o ombú. Foi posible grazas á colaboración de Begoña Cortes, a vicedirectora, que se encargou de coordinar a actividade cos grupos que participan no contrato programa da Horta Escolar. Tendes imaxes do evento neste artigo do Ombú dixital: https://ombudixital.org/dia-de-rosalia-de-castro/ .
Desde o EDLG queremos agradecer especialmente á Biblioteca e ao profesorado a súa colaboración, sen a cal sería moi difícil levar a cabo ningunha das actividades. E, por suposto, felicitar ao alumnado polo súa implicación e o resultado do seu traballo.
Sabela Vázquez Castro (2º ESO C)
O 14 de outubro, os nenos e nenas de 2º ESO C e 2º ESO D do IES do Castro desfrutaron dun obradoiro de regueifas organizado por Josiño, o célebre regueifeiro galego que vai de centro en centro amosando aos nenos a arte da regueifa.
Neste obradoiro, Josiño comezou cunha das súas regueifas. Segundo os rapaces e rapazas, a mellor parte foi cando falou sobre a súa escaseza de pelo, comparándoa cun aeroporto.
Despois disto explicou os tipos de estrofas que utilizan nos distintos países do mundo e a teoría que terían que seguir despois os asistentes para facer as súas propias regueifas.
Cada neno se presentou cun verso ao ritmo que deberían ter as regueifas e, por último, fixeron varias regueifas completas por grupos.
Ao parecer, este obradoiro foi bastante aplaudido polos rapaces e xa teñen ganas de seguir facendo regueifas para presentarse a un concurso onde se competirá con outros institutos de Vigo.
Sara Carrera Jennings (2º ESO C)
O 14 de outubro fixemos un obradoiro de regueifas moi divertido. O monitor chamábase Josiño e ensinounos cousas sobre a historia de distintas variedades de música en distintas culturas. Ademais, fixo demostracións con improvisación e, máis tarde, convidounos a participar na súa cantiga.
Logo fixemos a nosa propia regueifa en grupos e cantámola en voz alta para mellorala coa axuda do monitor.
Pareceume unha actividade moi divertida que nos axuda a aprender máis cousas da nosa cultura e do pasado da nosa Terra
O xoves desta semana
iremos facer regueifas,
competir con outro nenos
que vergoña me entra!
Sabela Vázquez Castro (2º ESO C)
Encántame o instituto,
aprendo moito na clase
con todos os profesores
Oxalá isto non se acabe!
Laura Arnaiz González (2º ESO D)
Mañá temos un exame,
púxonolo Adrián.
Non sei que nota terei,
vou porme a estudar.
Roque González Batán (2º ESO C)
O meu amigo Josiño,
ensinounos o pasado,
improvisou as regueifas
e viña moi ben peiteado.
Sara Carrera Jennings (2º ESO C)
Grazas ao profe Josiño
que nos ensinou regueifas
podo facer esta peza
sen erros nin incoherencias.
Victoria Cal Fernández (2º ESO C)
Como eu son un transformer,
transformeime en bicicleta.
Converterme en un avión
será a seguinte meta.
Ada Brea Fernández (2º ESO D)