🎄❄️ Decembro na horta: primeiras conclusións das sementeiras 🎄❄️
Ao chegar decembro comezamos a facer un pequeno balance do estado das sementeiras realizadas nos meses anteriores. Non todas as novas foron boas, pero tamén houbo avances positivos que nos animan a seguir co traballo constante e o coidado da nosa horta.
Non saíu como agardabamos
- No horto 2, os grelos e as xudías non chegaron a xermolar.
- No bancal 2, tampouco tivemos éxito coa sementeira da col kale.
Estas perdas poden deberse ás condicións meteorolóxicas propias do inverno: menos luz solar, baixas temperaturas e o terreo moi húmido. ❄️ 🌧️ Tomamos nota para mellorar nas seguintes tempadas.
✨ Buscando boas novas fixemos dúas novas sementeiras:
- No horto 3 sementamos un terzo de allos. Sementáronse en altura, unha forma moi curiosa de plantar. Fixemos tres canaletas e, nas zonas altas entre elas, colocamos un dente de allo a uns 3 cm de profundidade en posición horizontal. A distancia entre eles era de aproximadamente 10 cm.
- No horto 2, onde non xerminaron as xudías, decidimos facer unha aposta arriscada. Unha das persoas hortelás propúxose sementar patacas. As patacas normalmente plántanse en marzo, pero quen non arrisca non gaña.
Boas novas noutros recunchos da horta
A pesar de algúns fracasos, outras sementeiras están respondendo positivamente:
- No horto 1, os tirabeques, as cenorias e os chícharos medran ben e amosan un desenvolvemento prometedor.
- No horto 2, as nabizas, aínda que non son moitas, medran de forma sa.
- No bancal 3, as leitugas resisten sen grandes cambios. A falta de sol e calor provoca que non medren moito, pero mantéñense firmes e cun bo aspecto.
Tarefas de mantemento e fertilización
Ademais da observación do crecemento das plantas, este mes centramos boa parte da nosa actividade na limpeza e fertilización da horta:
Continuamos coa eliminación das herbas adventicias nas zonas sementadas para evitar que resten recursos ás nosas plantas.
Fixemos unha limpeza intensiva dos bordos e das zonas lindantes empregando unha fouce, para manter o acceso e reducir os problemas coas herbas altas, sobre todo nestes días de choiva.
Engadimos un abono verde natural elaborado a base de ortigas recollidas no centro e postas a fermentar en auga da chuvia durante 15 días. Unha vez transcorrido ese tempo, diluímos o preparado nunha proporción de 1:10 nunha regadeira, obtendo así un dos mellores fertilizantes orgánicos para enriquecer o terreo con nitróxeno.
Este mes ensinounos a importancia de observar e adaptarnos ás condicións naturais. Non todo medra como nos gustaría, pero cada aprendizaxe axúdanos a mellorar de cara a unha próxima colleita. 🌟🌿


