Novembro na horta: pequenas sementeiras e moito mantemento
Durante o mes de novembro a actividade na horta estivo centrada, sobre todo, no coidado e mantemento, xa que as sementeiras foron poucas pero ben planificadas:
- Xudías: sementadas no último terzo do horto 2, cunha densidade de 6 sementes por metro cadrado.
- Rabanitos: no primeiro terzo do horto 3, sementados ó chou, seguindo liñas ou carreiros duns 1 cm de profundidade e separados entre si uns 15 cm.
Coas principais sementeiras xa avanzadas, foi o momento ideal para dedicarnos ás tarefas de limpeza e organización do espazo. Entre as accións máis importantes que levamos a cabo destacamos:
- Eliminación de herbas adventicias nas zonas onde xa sementaramos, para evitar que compitan polos recursos coas nosas plantas.
- Limpeza dos bordos e zonas adxacentes coa fouce, o que nos permite traballar mellor e evita que as herbas altas se convertan nunha molestia, sobre todo coa chegada das choivas.
Tamén dedicamos tempo ao noso compost, un elemento clave para nutrir a terra de maneira natural e sostible. O compost fórmase a partir de materia orgánica que se descompón co paso do tempo, converténdose nun fertilizante rico en nutrientes para os nosos cultivos.
Na nosa horta contamos con tres composteiras, cada unha nunha fase diferente do proceso de descomposición. No recipiente onde comezamos o proceso, colocamos primeiro unha base de paos grosos para facilitar a drenaxe e a aireación. Por riba, imos alternando:
- Capa verde (rica en nitróxeno): formada por restos frescos como herba cortada, restos das limpezas ou pequenas podas.
- Capa marrón (rica en carbono): composta por cartón, papeis, follas secas ou restos de comida.




É importante remexer o compost cada poucas semanas, para que a mestura se airee e os microorganismos e vermes poidan traballar mellor na descomposición. Así, pouco a pouco, imos obtendo un mantillo escuro e fértil, perfecto para alimentar a terra dos nosos bancais.