24 de Decembro

Decembro na horta: primeiras conclusións das sementeiras

Chegado decembro, comezamos a facer un pequeno balance do estado das sementeiras realizadas nos meses anteriores. Non todas as novas foron boas, pero tamén houbo avances positivos que nos animan a seguir co traballo constante e coidado da nosa horta.

🌱 O que non saíu como agardabamos

  • No horto 2, os grelos e as xudías non chegaron a xerminar.
  • No bancal 2, tampouco tivemos éxito coa sementeira de kale.

Estas perdas poden deberse ás condicións meteorolóxicas propias do inverno: menos luz solar, baixas temperaturas e solo moi húmido. Tomamos nota para mellorar estratexias nas seguintes tempadas.

Buscando boas novas fixemos tamén 2 sementeiras:

  • No horto 3, sementamos un terzo de allos. Estes seméntanse en altura, un xeito curioso de sementar. Fixemos 3 regos e, nas zonas altas entre eles, plantamos un dente de allo a uns 3 cm de profundidade de xeito horizontal. A distanza entre eles era duns 10 cm.
  • Na horto 2, onde non xerminaron as xudías, decidimos facer unha aposta arriscada. Un dos nosos agricultores e propúxose sementar patacas. As patacas sempre se sementan de cedo en marzo, pero quen non arrisca non gaña.

🌿 Boas novas desde outros recunchos da horta

A pesar dalgúns fracasos, outras sementeiras están a responder positivamente:

  • No horto 1, tirabeques, cenorias e chícharos están medrando ben e amosan un desenvolvemento prometedor.
  • No horto 2, as nabizas, aínda que non en gran cantidade, están medrando de forma sa.
  • No bancal 3, as leitugas resisten sen grandes cambios. A falta de sol e calor fai que non crezan moito, pero mantéñense firmes e con bo aspecto.

🧹 Tarefas de mantemento e fertilización

Ademais da observación do crecemento das plantas, este mes centramos boa parte da nosa actividade na limpeza e fertilización da horta:

  • Continuamos coa eliminación das herbas adventicias nas zonas sementadas, para evitar que lles resten recursos ás nosas plantas.
  • Fixemos unha limpeza intensiva dos bordos e zonas adxacentes, empregando a fouce para manter a accesibilidade e reducir os problemas coas herbas altas, sobre todo nestas datas de choiva.
  • Engadimos un abono verde natural, feito a base de estrugas recollidas no centro e postas a fermentar en auga de choiva durante 15 días. Unha vez pasado ese tempo, diluímos o preparado nunha proporción de 1:10 nunha regadeira, obtendo así un dos mellores fertilizantes orgánicos para enriquecer o solo en nitróxeno.

Este mes ensinounos a importancia de observar e adaptarnos ás condicións naturais. Non todo medra como queremos, pero cada aprendizaxe axúdanos a mellorar para a próxima colleita.